Sunday 28 de April de 2024

A Xunta reforza a colaboración con Farmamundi en actuacións de acción humanitaria e emerxencia e para mitigar o impacto da Covid-19


― O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe coa ONGD unha addenda ao convenio de colaboración asinado este ano con Farmamundi para incrementar o orzamento do acordo en 40.000 euros, o que suporá un investimento total de 90.000 euros

― A Xunta leva investidos case 790.000 euros a través de dita entidade para dar resposta ás necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano coa provisión de bens e servizos prioritarios como alimentos ou atención sanitaria

― No marco do convenio asinado este ano, o Goberno galego leva investidos 44.600 euros en 4 operativos para atender as necesidades de distintas poboacións de Mozambique, a Franxa de Gaza, a República Democrática do Congo e en Haití

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe coa delegada de Farmamundi en Galicia, Beatriz Villarquide, unha addenda do convenio de colaboración entre a Xunta e a ONGD para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia neste 2021, que suporá un incremento en 40.000 euros á dotación inicial do acordo de 50.000 euros, polo que o investimento total neste exercicio acada os 90.000 euros.

A Xunta colabora desde 2009 con Farmamundi para axudar a mitigar os efectos da pandemia da covid-19 e reducir a súa propagación nas poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, así como por crises de longa duración, en especial en países de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). Ademais, permite atender as necesidades máis urxentes nestas zonas coa provisión inmediata de bens e servizos esenciais como alimentos ou atención sociosanitaria. No marco desta colaboración, o Goberno galego leva investidos nos últimos anos preto de 790.000 euros a través de distintos convenios asinados con dita entidade.

No que vai de ano, no marco do acordo asinado o pasado marzo financiáronse 4 operativos de resposta, que supuxeron un investimento de 44.600 euros. En concreto, 7.600 euros para a atención sociosanitaria de persoas desprazadas pola violencia en Cabo Delgado (Mozambique); 8.000 euros para cubrir as necesidades de alimentación da poboación da Franxa de Gaza no marco das consecuencias do conflito bélico agravadas polo impacto da pandemia; e outros 8.000 euros en actuacións de agua, saneamento e hixiene para a poboación desprazada polo volcán Nyirangongo na cidade de Goma, na provincia Kivu Norte da República Democrática do Congo. Destináronse ademais outros 21.400 euros a unha intervención sociosanitaria dirixida á poboación afectada polo terremoto no departamento Nippes Sur e Grand´Anse de Haití.

O convenio de colaboración permite dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e outros organismos do sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias. Por exemplo, o ano pasado grazas aos 79.000 euros do convenio de colaboración entre a Xunta e Farmamundi, atendéronse as necesidades xurdidas entre a poboación afectada polo ciclón Idai na provincia de Manica (Mozambique), a explosión en Beirut (Líbano), a tormenta tropical ETA (Guatemala), e o paso dos furacáns ETA e IOTA por Honduras. Tamén se contribuí a previr os contaxios por covid no distrito de Sussudenga (Mozambique), en Raimah (Iemen) e no campo Kyaka II (Uganda), ademais de garantir o acceso á alimentación en 5 provincias da Franxa de Gaza e reforzar os sistemas de saúde dos campos de Sharya Kabartu 2 e Bersivy 1 nos territorios kurdos iraquís.

Esta colaboración entre a Xunta e Farmamundi enmarcase no IV Plan Director da Cooperación Galega, que identifica como ámbito estratéxico de intervención a necesidade de paliar a reducir a vulnerabilidade respondendo ás crises humanitarias con eficacia e calidade. Tamén no Plan Anual 2021 da Cooperación Galega, que neste exercicio conta cun orzamento de case 7,5M€, un 12% máis que en 2020, e que inclúe o compromiso de renovar cada ano esta colaboración.